ENTREGA DO PREMIO DO CLUB DE LECTURA

 O club de lectura do IES Maximino Romero de Lema enxalzado polo conselleiro de Educación Román Rodríguez

O pasado venres o conselleiro de Educación Román Rodríguez celebrou que a terceira parte dos Premios Clubes de Lectura Escolares concedidos polo Ministerio na edición 2021-2022 foran para centros galegos cunha recepción a todos os galardoados.

O conselleiro tivo un recoñecemento especial para o club de lectura Baiolendo, que obtivo un segundo premio, por ser un centro do rural co que se recolle así a diversidade do sistema educativo galego.

Ao acto acudiron en representación do centro baiés Trinidad López, coordinadora do proxecto, e Hortensia Román, Vicedirectora que, xunto a Marta Nantón e a Ana Fuentes son as responsables das actividades arredor da lectura.

O club de lectura no presente curso escolar segue moi vizoso, xa que está constituído por seis grupos con protagonismo de case sesenta alumnos e alumnas e, como novidade, botouse andar un club de lectura de pais e nais xunto co profesorado que está tendo moito éxito nesta primeira edición con dez integrantes.

Este premio supón un recoñecemento ao traballo realizado e dá novos folgos para seguir apostando polos clubs de lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, pero tamén como un espazo onde relacionarse, onde cadaquén achega o seu punto de vista respectando o dos demais e enriquecendo a lectura persoal previa.



Enlace ao xornal "A voz de Galicia": ENTREVISTA

Enlace ao xornal "Praza Pública": ENTREVISTA