DA ESCURIDADE Á LUZ
Entre a violencia e a paz, a forza da educación
Onte inauguramos no Centro unha exposición cun carácter moi especial pola temática que trata e porque foi ideada, coordinada e elaborada dende Biblioteca. Nun tempo en que observamos como os berros de guerra ou a violencia estouran todos os días ofrécese como contraste educativo o da non violencia, o da resolución pacífica dos conflitos e o diálogo. Cómpre insistir en que un centro educativo debe ofrecer solucións, e iso fai esta exposición ao confrontar o lado negativo da violencia, expresado a través de 16 paneis fotográficos en branco e negro, fronte á cultura de paz que se manifesta noutros 16 paneis fotográficos realizados en cor. Todos os paneis contan con pequenos textos que teñen a vontade de facer reflexionar e de apoiar o que reflicten as fotografías. O alumnado é o gran protagonista xa que nas 32 imaxes, a través dos seus xestos e dunha axeitada recreación das situacións, somos quen de comprender moi ben a mensaxe que pretende transmitir cada un dos paneis informativos.
A guerra, a tortura, os crimes por razóns de orientación afectivo sexual, a persecución por motivos relixioso, os asasinatos machistas e a trata de persoas, a experiencia negativa, e en moitas ocasións dolorosa da migración forzosa, a infancia devorada por todas estas violencias, son situacións a erradicar: Por iso a necesidade de confrontar os problemas e as posibles solucións.
A sensibilización sempre é necesaria para axudarnos a reflexionar sobre o devir do mundo. Ás veces, en demasiadas ocasións, semella que todo depende do lugar do mundo onde nacemos para que a nosa traxectoria vital sexa unha máis afortunada ou non.
Exposicións coma esta que nos levan a viaxar da escuridade á luz axudan nesa misión educativa e pedagóxica. O alumnado visitaraa cunha guía para comentar todos estes aspectos e estará aberta a todo o público que a desexe gozar en horario lectivo. Esta actividade inclúese no Contrato Programa Innova de Fotografía que se está a desenvolver no Centro e no que participan todo o Equipo da Biblioteca.