EXPOSICIÓN MULLERES GALEGAS NA HISTORIA

A exposición Mulleres Galegas na Historia chega ao IES Maximino Romero de Lema da man da Deputación Provincial de Pontevedra, onde permanecerá desde o 8 de marzo ata o 26 de marzo. O acto encádrase dentro das actividades docentes destinadas a reivindicar o 8M.

A súa feitura permitiranos a docentes e alumnado desfacer as persistentes olladas con prexuízos, estereotipadas ou reducionistas que aínda envolven ás mulleres neste século XXI. Só co coñecemento e coa pedagoxía crítica seremos quen de coñecer o valoroso labor das 17 mulleres que nos presentan os dez paneis que compoñen a Exposición. Moitas aínda merecen estudos rigorosos ao mesmo tempo que divulgativos para a que a sociedade galega as coñeza. Claro está que Rosalía de Castro é ben coñecida, pero non acontece o mesmo con todas; por exemplo, María Casares foi unha afamada actriz de teatro e cine en Francia, mais case descoñecida na súa terra de nacemento.

17 mulleres que tecen unha ponte simbólica co 17 de maio, día fundamental para as nosas letras, se pensamos que Xela Arias, a homenaxeada deste ano 2021 forma parte dos paneis informativos.

17 mulleres que son unha pequena mostra da necesidade de recuperar do esquecemento a memoria de mulleres que enriqueceron a política, a arte ou a cultura de Galicia. Ademais das mencionadas con anterioridade, poderemos achegarnos aos feitos esenciais da espía cantada polo Rei Afonso X o Sabio, a soldadeira María Balteira; de mulleres con poder na sociedade medieval galega como Inés de Castro ou de fazañas recordadas como María Castaña e María Pita; de mulleres que ergueron a bandeira da emancipación e dos dereitos da muller como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Filomena Dato; da resistencia de María Soliña procesada por ser bruxa; das expresións artísticas da Bela Otero, de Maruja Mallo, de María Antonia Dans ou Julia Minguillón; do compromiso pedagóxico da mestra Ernestina Otero ou do político da comunista Enriqueta Otero.