ENCONTRO CON IRIA COLLAZO

 Esta tarde embarcámonos nunha viaxe guiada por Iria Collazo e na que nos acompañaron Celeste, Antón e todas as súas compañías e vivencias. Unha viaxe polavida de dúas persoas que nos achega e amosa, cunha maxistral mestura de humor e realidade, un modelo de vida que se está extinguir e que nos lembra con tenrura aos nosos avós. A idiosincracia do galego reflíctese de xeito brillante a través da riqueza expresiva e lingüística coa que se narra a historia.

A presenza de Iria permitiunos coñecer as influencias e fontes de inspiración desta novela, a súa técnica de escritura, e múltiples detalles e anécdotas que, poñéndolle diferentes nomes aos protagonistas: podería ser unha fiel biografía de calquera de nós.

Iniciamos coa escritora moañesa no Club de Lectura de Adultos Baiolendo os encontros literarios que teremos ao longo deste curso. Unha xuntanza que destacou pola gran participación dos e das asistentes e que deu lugar a profundas reflexións que enriqueceron a lectura individual previa.

Recomendamos a lectura de Os mortos que amei, unha entrañable historia do noso rural que nos fixo saír, a partes iguais, os sorrisos e as bágoas.