As alumnas, unha obra de teatro escrita por Paula Carballeira (Fene, 1972), vén de ser distinguida no pasado mes de setembro co Premio Nacional de Literatura Dramática.
O xurado destacou a obra da autora galega “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego (a pedagoga María Barbeito), símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República.”
Paula Carballeira ten unha longa traxectoria como escritora e actriz, con máis de dúas ducias de libros publicados, entre obras de teatro e literatura infantil e xuvenil, salientando títulos como Smara (2006), Boas noites (2007), O Refugallo (2013) e Trece avisos (2022).