QUE A MÁSCARA NON NOS IMPIDA FALAR!
(POR TODAS AS MULLERES QUE NON PODEN FACELO)
PARA QUE UN DÍA FUTURO NON SEXA NECESARIO
Un 25 DE NOVEMBRO DE VÍTIMAS, MEDOS E VIDAS CREBADAS
Por desgraza os datos demostran que aínda está lonxe o ano en que non sexa necesario un 25 de novembro de concienciación e sensibilización. Para que as máscaras que impón o COVID-19 non sexan un favorecedor da invisibilidade histórica que sufrimos as mulleres, cómpre falar desta realidade. Cómpre berrar con máis forza para que a tea non impida que o noso apoio e a nosa solidariedade chegue a todas as mulleres que o precisan.
Por todo isto, nesta semana de reivindicación, no IES Maximino Romero de Lema comezamos a celebración da semana do 25 de novembro coa presenza de Rosalía Fernández Rial, cuxa recitación enche de enerxía o escenario e fai vibrar a quen tivemos a sorte de escoitala presentándonos o seu último libro de poemas.
O acto, que se estruturou en dúas sesións, destinouse a alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Comezou co visionado dun videopoema moi vinculado a Baio, pois foi gravado aquí, con mulleres da localidade e conta mesmo con música dunha antiga alumna do Centro, Antía Ameixeiras . A profesora Dolores Torrado realizou un percorrido pola obra da autora e antigas alumnas da poeta tomaron a palabra para lembrar con agarimo a expectación que creaba durante as súas horas de docencia e fixéronlle unha entrevista con diversas cuestións sobre o proceso da escrita, sobre o libro, sobre a súa faceta docente e outros aspectos.
A continuación tomou a palabra a escritora e contounos a orixe do libro Árbores no deserto, a intención e o obxectivo que se marcou coa súa feitura. Trátase dun libro coral onde as mulleres son protagonistas rescatadas do deserto, do silencio. Mulleres que escribían e non tiñan a necesaria divulgación que necesita toda creación.
E, finalmente, chegou o momento máis agardado: a performance da poeta que usou recitado e ilustracións proxectadas para lembrar as mulleres ás que ía dedicada cada un dos poemas e que nos conmoveu a todas persoas presentes.
Grazas Rosalía!