Este xoves, 8 de outubro, tivemos a sorte no IES Maximino Romero de Lema de contar coa presenza do profesor universitario e escritor Héctor Pose,convidado polo Equipo da Biblioteca, no marco das actividades desenvolvidas arredor da exposición Boix, o fotógrafo do horror.
No acto, presentado pola nosa compañeira Elisa Franco, Héctor Pose narrou o periplo vital de tres malpicáns que, fuxindo da represión da posguerra española, remataron internados no campo de concentración Mauthausen, recollido no seu libro Aquela xente digna.
O autor contou, de xeito conmovedor e moi pedagóxico, o que supuxo a terrible experiencia desta persoas que se viron na obriga de exiliarse en barco de Malpica para escapar dunha morte probable pola súa militancia política. Soubo manter a tensión e emocionar o alumnado que ía poñendo nome ás fotografías de Boix, permitíndonos así poñer en contexto as imaxes.
Nuns días a exposición Boix, o fotógrafo do horror, marchará con destino ao Mediterráneo pero non sen antes deixar na Comunidade Educativa do IES Maximino Romero de Lema unha profunda reflexión sobre o que supuxo o contexto bélico da Guerra Civil Española e da Segunda Guerra Mundial, fondamente interrelacionadas e que permiten afondar no que nos debe definir aos seres como humanos.