Por Pascual Alapont
Cando tiven este libro nas mans, o primeiro que fixen foi fixarme ben na portada para imaxinar (antes incluso de saber do que trataba o libro) o que me suxería. Concentreime na ollada da moza, parecía perdida, e semellaba pedir axuda. Logo fixeime na atmosfera que a rodeaba. Todo estaba escuro ao seu redor.
Ao ler a reseña, recordo exactamente o que pensei: aquelo era un deses típicos libros que intentaban ensinar á xente nova como contrarrestar a violencia de xénero. É estaba no certo, pero en verdade, o libro era moito máis ca iso.
Marta era unha moza duns 20 anos, que comezaba a mergullarse no que significa a madurez e o chegar a ser adulto. Marta estudaba dereito e vivía con dúas amigas preto da facultade. Sen embargo, non estaba a pasar un bo momento sentimental, xa que acababa de rematar unha relación.
De súpeto, apareceu na súa vida un rapaz que semellaba coñecela e comprendela. Pouco a pouco, e sen darse conta, o mozo foise metendo en todos os ámbitos da vida de Marta, pese a que ela non estaba aínda preparada para ter outra relación. El perseguíaa, quería coñecer todo o que facía a cada instante, as súas amizades, e ela deixábase levar por esa atención desmesurada.
Logo dun tempo xuntos, o rapaz foina separando dos seus familiares e amigos, de xeito que a rapaza estaba cada vez máis indefensa ante as, xa rutineiras agresións psicolóxicas e físicas.
O final do libro, non volo vou a contar, xa que espero que o leades e que descubrades o sorprendente desenlace.
Despois de que a ficción rematase, o libro tamén inclúe A Máscara do amor, por Vicente Garrido. Neste fragmento final do libro, danse unha serie de indicacións que todas as mozas deberían ter presentes para non sufrir episodios deste tipo, ou cando menos, saber saír deles da mellor forma posible.
Pareceume moi interesante o feito de que tamén se lle deran unhas indicacións aos mozos sobre como deben e non deben tratar ás súas mozas, xa que temas como o da violencia de xénero deben ser abordados en profundidade nas aulas, nas casas e na sociedade en xeral.
En conclusión: este libro gustoume moito, pola realidade que nos ensina a nivel persoal e social. Invito a que o leades e reflexionedes, de xeito que ningunha muller viva nunca un Inferno de Marta.
Noa Lema Rial
3º da ESO