PRESENTACIÓN LIBRO BADIUS: HISTORIA DUN GRUPO DE TEATRO AFECCIONADO (1984-2024)


    Hoxe, o noso compañeiro Ricardo Vigueret visitounos no Instituto para presentar o seu libro Badius: Historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024), editado polo Concello de Zas como unha mostra máis da súa aposta por poñer en valor a historia, a xente e o patrimonio de dito concello.

    Nesta obra faise un percorrido (con texto e moitas fotos) polos 40 anos de historia do grupo de teatro Badius (do cal foi e é presidente); un grupo de teatro afeccionado polo que pasaron máis de cen persoas entre actores, actrices, técnicos e colaboradores de Baio e da contorna, que representaron máis de 40 obras, moitas delas con alumnado do noso Centro, e que actuaron tanto dentro como fora de Galicia (chegaron ata Xuíza), sendo a súa última actuación o sábado 11 de outubro no Carballiño (Ourense) coa obra O parvo.
    Badius, gran referente cultural no concello, na comarca e en toda Galicia, segue traballando e agora están preparando “unha nova obra de teatro de Labarta Pose que estrearemos o ano no que se lle adique o Día das Letras Galegas”, anunciou Ricardo.
    Moitas grazas, Ricardo, polo teu laborioso traballo e moitas grazas tamén por contaxiar a túa paixón por esta arte ao alumnado do noso e do teu instituto co que ao longo dos anos preparaches tantas obras, converténdose nunha pequena canteira de talento que alimentou a Badius.
“Que viva a risa e que viva Badius”.