O CORAZÓN DAS CASAS DE AN ALFAYA


     A elección do libro que abriu as sesións do Club de Lectura de 1º ESO foi todo un acerto:  O corazón das casas de An Alfaya.
    Na primeira sesión propuxémoslles aos membros unha actividade inspirada na protagonista, Eli: realizar uns debuxos a partir dunha enquisa coma as que ela facía ás persoas que querían mercar as casas que reformaban seus pais, ao tempo que vivían nelas. A proposta resultou moi ben acollida e serviu para conectar co libro desde o comezo. 
    Como é habitual nas nosas xuntanzas, acompañamos as reflexións sobre a lectura cun pequeno petisco -compartimos granadas -froita que algúns probaban por primeira vez-,  queixo de San Simón, xamón e chourizo do país ou biscoitos. Mentres tanto, a conversa ía fluíndo arredor da trama, dos personaxes e das partes que cada quen quería destacar. 
    A forma de vida de Eli e da súa familia pareceulles moi peculiar. Colléronlle especial agarimo ao xardineiro Sebastián e á tendeira Candelaria, pero sobre todo empatizaron con Eli, coa súa maneira de ser e co que sente ante a visión dunha pantasma: Mencía, unha nena  misteriosa que se acanea nun bambán, da que coñeceremos a súa historia e que se converterá na súa amiga.
    A oración “todas as casas teñen un corazón e cada corazón agocha un segredo”  inspirounos para facer a foto final ao remate da lectura: Cada membro do club tiña que traer un obxecto especial que gardase un significado persoal, como as casas do libro.
    Foi unha lectura que emocionou, chea de intriga, con mestura entre realidade e imaxinación que os conquistou desde a primeira páxina. An Alfaya destacou, unha vez máis, polo seu estilo poético e evocador, deixando pegada na rapazada lectora.







CANCIÓNS DE NADAL EN FRANCÉS DENDE A RADIO NA BIBLIO

 Dende a biblioteca, en colaboración co alumnado de francés de 4º de ESO e 1º de BACH, realizamos unhas cancións de Nadal en francés dentro do programa radio na biblio.









BO NADAL!

🎄🎄🎄 BO NADAL!!! 🎄🎄🎄

Este ano fixemos a nosa decoración navideña coa cortadora Cricut Maker. O equipo da Biblioteca estamos formándonos no manexo desta máquina que nos facilita a realización de manualidades. Esta foi a primeira que fixemos e o poboado navideño quedounos xenial!
 🎄🎄🎄

 




POSTAIS DIXITAIS

 O equipo da Biblioteca en colaboración co alumnado da materia de "Educación Dixital" de 3º da ESO, elaborou unhas postais de Nadal que levan unha tarxeta NFC incorporada. Unha vez escaneamos co móbil a tarxeta, esta tecnoloxía enlaza ó vídeo que leva á postal virtual onde felicitan o Nadal. Deste xeito combinamos a tradición coa tecnoloxía.















CELEBRACIÓN NAVIDEÑA NO CLUB DE LECTURA BAIOLENDO

Rematando o mes de decembro Baiolendo reuniuse nunha sesión especial na que todos

os membros que estamos unidos pola literatura, degustamos chocolate con croissants.

Nun ambiente de compañeirismo cada grupo presentoulle aos demais integrantes do

Club a lectura que os acompañou dende o inicio de curso, comentando brevemente as

impresións que lles causaron.

Tamén houbo tempo para o descubrimento literario, pois fíxose entrega das novas

lecturas coas que iniciaremos o vindeiro ano.

No Club de Lectura Baiolendo despedimos o 2024 coa ilusión de seguir compartindo

experiencias literarias e de seguir explorando novos mundos a través dos libros. Sempre

destacaremos a importancia da lectura como un xeito de enriquecer as nosas vidas e medrar

intelectual e emocionalmente.
















NEMO. O RAPAZ SEN NOME



 

    Nemo. O rapaz sen nome de Davide Morosinotto foi o libro escollido para comezar a andaina lectora do Club de Lectura de 2º ESO. As aventuras de Ashynn, Daniel e Nemo fixéronnos rir, tremer e manternos espectantes por momentos.
    Encantounos aventurarnos nesta viaxe no tempo e no "aire" para despois ler pola nosa conta a segunda parte do libro: Nemo. O xigante da pedra. Sen dúbida, o que máis nos gustou, por unanimidade foi a primeira parte.

ÚRSULA BAS VOLVE AO CLUB DE LECTURA

 

    A primeira lectura escollida para comezar o Club de Lectura de 1º BACH foi A vida secreta de Úrsula de Arantza Portabales. O libro foi un éxito e todos os participantes comentaron que lles resultou un libro captivante e que non puideron parar de lelo ata saber o que pasara realmente con Úrsula. 

MURAL DE NADAL

 Os voluntarios da biblioteca estiveron moi atarefados na pasada semana; velaquí vos deixamos fotografías dun dos murais navideños que deseñaron con papel de agasallo  e no que lanzan unha mensaxe sobre o poder máxico dos libros!










OBRADOIRO DE POSTAIS DE NADAL

 O alumnado voluntario da biblioteca e outros compañeir@s que pasaron pola biblioteca durante os recreos, realizaron unhas postais de Nadal ben fermosas coas que compuxemos unha árbore que decora o corredor principal do centro.